Thursday 28 de March de 2024

Nuno Costa e Sandra Mosquera gañan a XXXVIII Carreira Pedestre da Amaía (Brión), na que participaron 211 atletas


A forte e continua choiva condicionou o desenvolvemento da proba, na que participaron 121 nenos e nenas

Disque non hai dúas sen tres. E así o confirmou esta fin de semana o portugués asentado en Sigüeiro Nuno Costa (SD Compostela Atletismo) ao gañar por terceiro ano consecutivo a Carreira Pedestres da Amaía (Brión), que este ano celebrou a súa edición número 38. Todo o contrario acontece na categoría feminina, onde ningunha foi quen de repetir título de forma consecutiva. Nesta ocasión, a vitoria foi para Sandra Mosquera Losada (Comesaña Sporting Club).

Os 211 atletas participantes na proba absoluta tiveron que afrontar dous grandes retos: un novo trazado, máis curto e rápido, e unha adversa meteoroloxía, pois a chuvia non deixou de caer en ningún momento da tarde. Pese a todo, Nuno Costa fixo bos os prognósticos e gañou con autoridade e cun tempo de 15 minutos e 26 segundos. Tan só oito segundos despois chegou o segundo gran favorito: Abel Barros González (Atletismo +9 Moraña). Completou o podio Carlos Enrique Gutiérre González (Rungalicia-Intersport), cun tempo de 15 minutos e 47 segundos.

Máis emoción houbo na categoría feminina, onde a vencedora absoluta foi Sandra Mosquera Losada, que cruzou a meta no posto 33 da proba asboluta cun tempo de 17 minutos e 50 segundos. A segunda clasificada foi Tina Fernández Barreiros (Club Atletismo Sar Vermú Petroni), a tan so 2 segundos da gañadora.. Completou o podio Leticia Fernández Barbosa (Valencia CF SAD), cun tempo de 18 minutos e 52 segundos.

Entrega de premios

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado pola concelleira de Deportes, Sandy Cebral Gómez, así como polos concelleiros Carlos Noya, Rosa Romero Fariña, José Luís Sampedro Bouzas e María Guarina Rey Vázquez. Todas as persoas premiadas recibiron uns trofeos especialmente deseñados para esta edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.